Make your own free website on Tripod.com

..contacto · información · socios

directores filmes programacion arquivo

Información do Cineclube
Fundación
O paso a 35 mm
A tempada 2002/2003
Situación actual e futuro

Despois de catro anos de traballo, facemos repaso da Historia do Cineclube. Para ampliar información póñanse en contacto connosco a través do noso correo cineclube@galeon.com

Fundación
A fundación do Cineclube de Compostela data de hai tres anos, da primavera de 2001, cando un grupo de mozos universitarios, estudiantes da faculdade de Ciencias da Comunicación, comezamos a proxectar filmes en vídeo no nomeado centro educativo. As proxeccións duraron tres meses, de marzo a maio, e os vídeos procedían das nosas diferentes coleccións persoais. Cada filme viña acompañado dunha reseña na que algún de nós realizaba un estudio crítico da obra, práctica que continuamos dende aquela. Esta experiencia inicial foi un esaio do que chegaría a ser logo o Cineclube, xa que nese tempo, unha vez confirmada a existencia dun público para as nosas actividades, comezámonos a organizar: constituímonos como asociación cultural, xurdiron as primeiras ideas, trabamos relación cos espectadores interesados no proxecto... Foise formando un grupo de persoas que querían facer cousas, entre as que se distribuiron as funcións básicas. Eran as trazas do futuro Cineclube. Dentro da programación daquela primavera xa aparecían algúns directores que seguirían presentes nas seguintes xeiras: Ingmar Bergman, Carl Theoder Dreyer, Robert Bresson, David Cronenberg, Aki Kaurismäki, Sam Peckimpah, Jim Jarmusch...

O paso a 35 mm
No seguinte curso matinamos na posibilidade de proxectar os filmes en cinema, en 16 ou 35 mm. Puxémonos a traballar nesa dirección e asinamos acordos de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (no tocante ó plano económico e ó lugar de proxección) e coa Alianza Francesa (para a proxección de títulos desta nacionalidade). En xaneiro de 2002 comezamos a segunda xeira do cineclube, que se estendería ata o mes de maio, exhibindo filmes en formato cinematográfico tódolos martes no Auditorio da Faculdade de Xornalismo. A programación incluía ós directores que xa estaban presentes na primavera anterior e engadía outros como Jean-Luc Godard, Howard Hawks, Fritz Lang, Robert Flaherty, Woody Allen, Buster Keaton ou Luis García Berlanga. Nese tempo comezamos a formar un fondo de vídeo, de revistas e de libros, ó que tiñan acceso os nosos socios, servindo como canle alternativa de achegamento ó cinema.


A tempada 2002/2003
A terceira xeira comezou en decembro de 2002 coa proxección dun amplo ciclo de cinema alemán (dúas semanas, vinte títulos, proxeccións gratuitas, directores como Friedrich Wilhem Murnau, Wim Wenders, Josef von Sternberg) realizado en colaboración co Goethe Institute. No mes seguinte, xaneiro de 2003, continuamos o ritmo de proxeccións do ano anterior, mesmo aumentando a cantidade de sesións, repetindo no espacio (o Auditorio de Xornalismo) e trocando o día polo mércores. Nomes como Luis Buñuel, Jean Renoir, Alfred Hitchcock, Jean Becker, Nicolas Ray, John Ford ou René Clair engadíronse á nómina de directores sonados cos que elaborábamos a nosa programación. Nestas dúas tempadas, a asistencia media de público por día de proxección estaba entre os setenta e os oitenta espectadores, sendo na súa maioría universitarios.

Situación actual e obxectivos
No momento de escribir estas liñas atopámonos na metade da cuarta xeira do Cineclube de Compostela, comezada en outono de 2003 e programada de novo ata o mes de maio (é dicir, ampliamos a duración da nosa actividade ata os oito meses). No que vai dela houbo varios cambios, cuantitativos e cualitativos. Naturalmente, a nómina de cineastas seguiu medrando: Jacques Tati, Federico Fellini, Yasujiro Ozu, Michelangelo Antonioni, Charles Chaplin, Jean Vigo, Theo Angelopoulos, Rainer Werner Fassbinder... Pero o máis importante foi o traslado das proxeccións á Sala Yago. A este acordo de colaboración cos responsables da sala hai que engadir outros, de carácter económico, co Concello de Santiago de Compostela e coa Asociación Cidade Vella, o que proba a implantación e a crecente importancia do Cineclube na vida cultural compostelá. A maiores, renováronse os acordos xa existentes coa Universidade e coa Alianza Francesa. O cambio de espacio (aínda que seguimos proxectando unha vez o mes como mínimo no Auditorio de Xornalismo) supuxo un incremento de público superior ó 100%, situándonos nunha media duns 190 espectadores (acadando máximos como o de 353 espectadores, na proxección do filme O anxo exterminador de Luis Buñuel, na que enchimos a Sala Yago). Outro dato salientable é o grande aumento do público non universitario, o que significa que o Cineclube está diversificando os seus espectadores, trascendendo o sector universitario inicial. Por último, comentar que, nestes momentos, o Cineclube conta con setenta socios, cantidade que agardamos aumentar de aquí a maio.

<
<
<
<